Tuesday 14 de May de 2024

Neda aposta polas actividades de sensibilización e as accións reivindicativas para conmemorar o 25N


A ampla programación deseñada polo Concello inclúe unha nova entrega da Marcha polo bo trato

O Concello de Neda contará este ano cunha completa programación especial para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O programa deseñado dende o consistorio aposta polas actividades de sensibilización; especialmente dirixidas á xente nova; polas accións reivindicativas como o “Marcha polo bo trato” e pola primeira reunión da Mesa de local de coordinación interinstitucional contra a violencia machista. As propostas arrancarán o vindeiro martes.

Os máis pequenos da casa serán os destinatarios da primeira das iniciativas. Trátase do contacontos “Lisístrata, a historia contada en feminino”. Unha proposta dirixida ao público infantil, que suporá un achegamento, da man de Ana Hermida, ás sobresaíntes e descoñecidas mulleres que tiveron unha importancia capital ao longo da historia. O espectáculo, incluído na Rede cultural da Deputación, terá lugar na biblioteca municipal o día 21, ás 18.30 horas, precisando inscrición.

O mércores e o xoves, días 22 e 23 de novembro, o programa terá como escenario os centros educativos. Así, alumnado de 4º e 5º de educación primaria dos CEIP San Isidro e Maciñeira converterase en protagonista de “GaliciaFem: o teu concurso de televisión favorito”. Trátase dun singular obradoiro en materia de igualdade no que os estudantes porán a proba todo o que saben sobre linguaxe inclusiva, mulleres galegas destacadas, e mesmo sobre as diferencias de xénero.

A programación especial inclúe no IES Fernando Esquío a conferencia “Agresións sexuais e violencia sexual”, impartida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en estudios de xénero e políticas de igualdade. A actividade que recala en Neda a través da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. E faino nun momento en que vai en aumento a porcentaxe de mozos que nega ou resta importancia a algunhas formas de violencia de xénero.

Marcha polo bo trato

A xornada do venres 24 é a elixida para unhas das propostas centrais da programación, unha nova edición da Marcha polo bo trato, que reserva tamén un papel especial central para os escolares dos centros educativos públicos de Neda. Unha camiñada, aberta ao conxunta da cidadanía, que partirá da do Paseo Marítimo ás 10.30 horas, con destino á Casa Consistorial, onde os estudantes darán lectura ao manifesto e realizarán distintas intervencións.

O 25N iluminarase de violeta a fachada da Casa Consistorial. Unha acción máis para dar visibilidade á necesidade de erradicar esta lacra social. Finalmente, o xoves 30 de novembro o Casa Consistorial acollerá a primeira reunión da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero de Neda, constituída tras a entrada do Concello no Sistema de Seguimento Integral nos casos de violencia de xénero (Sistema VioGén).